martes, 19 de octubre de 2010

ENROLADOS





O pasado día 14 de outubro os alumnos de 4º participamos nunha divertidísima actividade, chamada ENROLADOS. Fomos desde A Coruña ata Santa Cruz.
As nenas da clases fomos todas xuntas no mesmo veleiro, os nenos como son menos e non enchían unha embarcación foron cos nenos de 5º e 6º.
Nesta actividade aprendemos moitas cousas: como nos temos que portar e colocar nun veleiro, como se manexa unha vela, moitas cousas sobre animais mariños, como temos que coidar a natureza ..... pero sobre todo, pasámolo XENIAL. Estamos desexando poder participar outra vez!
Para a maioría de nos foi a primeira vez que fixemos unha viaxe nun veleiro e a experiencia gustounos moito. Algúns tiñamos medo a marearnos, pero fomos moi valentes e todos chegamos ben, aínda que molladiños. Iso tamén nos gustou, as ondas fixéronse nosas amigas e viñeron visitarnos dentro do veleiro.
Cando nos despedimos os profes dixéronnos que lles gustaría que volvésemos, que nos portáramos moi ben e nos estamos desexando repetir.

miércoles, 9 de junio de 2010

Visitounos Anxo Moure...E trouxo a Ciclobiblioteca!











O xoves pasado recibimos a visita de Anxo Moure, o atrapador de contos, e moitas cousas máis. Trouxo a súa ciclobiblioteca e compartimos unha mañá de contos e historias que fixeron as delicias dos nenos/as, que quedaron enfeitizados pola PALABRA. Natureza, solidaridade, cooperación, tolerancia...Os contos de Anxo apréndennos unha e outra vez aquelo que é indispensábel nunha realidade que se amosa a cada paso máis triste e complicada, pero en Anxo e nos seus contos atopamos motivos para o optimismo e para saber que, como dixera o Brecht, donde uns din Xamais, nós dicimos AGORA.
As ciclobibliotecas é unha iniciativa que, motivada pola visita de Anxo Moure, quixemos incorporar no Proxecto A imaxinación no peto, que se desenvolverá no colexio o ano que vén, e no que incorporaremos a nosa propia ciclobiblioteca ao centro, para poder pedalexar e ler nos tempos de recreo. Deixámosvos un pequeno adianto(malia a torpeza do condutor ocasional):

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

viernes, 21 de mayo de 2010

Hoxe foi a estrea da nosa obra: Felicidades, nenas e nenos!


Foi un éxito. Hoxe, venres 21 de maio, o publico(nenos/as e maiores) que ateigaba o salón de actos da nosa escola puido asistir á estrea da obra de teatro Os ecos de Rosalía, representada polo alumnado do segundo ciclo e que culmina así o seu proxecto ao longo do último mes e medio.
Eloy, Alba, Iván, Paula, Nacho, Ángel e Sara, do 4º curso, e tamén Paula S., Manuela, Edu, David, Sebas, Paula e Sonia Grille, Alba e Vanessa Loureiro, Kevin e Nerea, de terceiro curso, foron os intérpretes desta obra. A obra saíu mellor que nos ensaios, se iso era posíbel, e houbo intres dabondo para as gargalladas, pero tamén para a emoción, a intriga e como non, o recordo e homenaxe a Rosalía de Castro, figura arredor da que se traballou nesta iniciativa.
Só nos resta felicitar de novo aos nenos e nenas, que co seu esforzo e coa súa ilusión achegáronlles aos seus compañeiros e compañeiras de escola a maxia da poetisa galega.

Grazas tamén aos asistentes, que co seu comportamento e actitude contribuíron a que a estrea fora un éxito.

Deixámosvos aquí un intre de "bambalinas", no que falamos con Cunqueiro momentos antes de saír a actuar:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

jueves, 20 de mayo de 2010

Viaxe a Santiago: camiñamos polas rúas de Rosalía!




Onte puidemos percorrer as rúas da zona vella de Santiago e pasar por diante da casa que Rosalía de Castro habitou durante a súa estadía en Santiago de Compostela. Actualmente, o edificio pertence á USC, e malia que non puidemos entrar, os nenos e nenas quixeron tirar unhas fotos diante do mesmo, para levar un recordo da poetisa. Pola mañá fumos tamén ao Museo do Pobo Galego, e os nenos e nenas axiña se achegaron aos elementos expostos referentes á Rosalía. Verdadeiramente, queren saber! Aquí vos deixamos unhas fotos do noso día. Ía moita calor, pero foi unha xornada moi bonita, aínda que quedamos algo cansos. Só queda un día para a estrea da nosa obra!

miércoles, 19 de mayo de 2010

Soño da escena segunda



Nenos e nenas: aquí vos deixamos a montaxe con algunhas das imaxes de Rosalía, Cunqueiro e Castelao que fúchedes recollendo da web. Como se trata dun soño, as outras imaxes foron un pequeno engadido que puxemos os mestres. Trátase dalgúns debuxos de Castelao, outro do mago Merlín e unhas cantas ilustracións de Escher, pois así se chama o artista que as fixo. Se vos fixades descubriredes que as cousas nos seus debuxos non son o que parecen, e puxémosvolas porque eu descubrín estas ilustracións na casa dun dos meus mellores amigos, cando tiña dez ou once anos, e dende entón quedei abraiado coa súa xenialidade. Non sei o motivo, pero penso moitas veces nos seus debuxos e quixen compartilos con vós. A música é dun pianista que se chama Erik Satie, que viviu no século dezanove. A historia deste home é moi curiosa: na casa onde vivía foron atopadas maletas e maletas con centos das súas composicións musicais, tamén centos de deseños de edificios metálicos, que por aquel entón non existían; e nese pequeno lugar onde vivía, unha habitación de dez metros cadrados atoparon tamén unha colección de traxes de terciopelo e unha morea de sombreiros de copa.

Só quedan dous días para estrear a nosa obra. Moito ánimo e lembrade que nunca nada se fixo(nada importante), sen ENTUSIASMO.




jueves, 13 de mayo de 2010

Puidemos saír a gravar!

O sol refulxía hoxe pola mañá cedo e puidemos saír a gravar. O traxecto ata o río estivo cheo de gargalladas, houbo unha conversa de escopetas de balíns que quedou gravada en vídeo polos propios autores(Eloy e Ángel, de 4º) e puidemos gravar a corrente á beira do río. Aproveitamos para recitar un pouquiño da Rosalía, andivemos polo medio do monte en silencio e recollemos tamén eses sons, e de paso atopamos a Andrés, ou José, non quedou moi claro, un veciño maior da zona que os nenos non dubidaron en entrevistar. Polo momento, aí deixamos unha pequena mostra, pero hai moito máis material. Pensamos que foi unha xornada especialmente bonita dentro do traballo da obra:


Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

miércoles, 12 de mayo de 2010

Incorporamos os sons e dámoslle os últimos retoques aos decorados






Hoxe empregamos os altofalantes para ambientar un pouquiño a dramatización. Se hai sorte, mañá iremos aos arredores da escola para gravar o son da auga no río e tamén aos paxaros e demais animais do monte. Nenos/as: seguide así. Como víchedes, cos sons parece que a historia tivera máis vida aínda. Non esquezades unha cousa: o público é o que ten que sentir e saber o que acontece nas táboas, non dubidedes en dirixirvos a el e sobre todo, disfrutade do voso papel. Os bardos debedes coidar especialmente a entoación. A partires dagora, centrarémonos na elaboración do "atrezzo", polo que ide traendo xa as cousas da casa que nos permitirán por en situación ao público.
Queda menos! Forza e talento!