martes, 19 de octubre de 2010

ENROLADOS





O pasado día 14 de outubro os alumnos de 4º participamos nunha divertidísima actividade, chamada ENROLADOS. Fomos desde A Coruña ata Santa Cruz.
As nenas da clases fomos todas xuntas no mesmo veleiro, os nenos como son menos e non enchían unha embarcación foron cos nenos de 5º e 6º.
Nesta actividade aprendemos moitas cousas: como nos temos que portar e colocar nun veleiro, como se manexa unha vela, moitas cousas sobre animais mariños, como temos que coidar a natureza ..... pero sobre todo, pasámolo XENIAL. Estamos desexando poder participar outra vez!
Para a maioría de nos foi a primeira vez que fixemos unha viaxe nun veleiro e a experiencia gustounos moito. Algúns tiñamos medo a marearnos, pero fomos moi valentes e todos chegamos ben, aínda que molladiños. Iso tamén nos gustou, as ondas fixéronse nosas amigas e viñeron visitarnos dentro do veleiro.
Cando nos despedimos os profes dixéronnos que lles gustaría que volvésemos, que nos portáramos moi ben e nos estamos desexando repetir.

miércoles, 9 de junio de 2010

Visitounos Anxo Moure...E trouxo a Ciclobiblioteca!











O xoves pasado recibimos a visita de Anxo Moure, o atrapador de contos, e moitas cousas máis. Trouxo a súa ciclobiblioteca e compartimos unha mañá de contos e historias que fixeron as delicias dos nenos/as, que quedaron enfeitizados pola PALABRA. Natureza, solidaridade, cooperación, tolerancia...Os contos de Anxo apréndennos unha e outra vez aquelo que é indispensábel nunha realidade que se amosa a cada paso máis triste e complicada, pero en Anxo e nos seus contos atopamos motivos para o optimismo e para saber que, como dixera o Brecht, donde uns din Xamais, nós dicimos AGORA.
As ciclobibliotecas é unha iniciativa que, motivada pola visita de Anxo Moure, quixemos incorporar no Proxecto A imaxinación no peto, que se desenvolverá no colexio o ano que vén, e no que incorporaremos a nosa propia ciclobiblioteca ao centro, para poder pedalexar e ler nos tempos de recreo. Deixámosvos un pequeno adianto(malia a torpeza do condutor ocasional):

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

viernes, 21 de mayo de 2010

Hoxe foi a estrea da nosa obra: Felicidades, nenas e nenos!


Foi un éxito. Hoxe, venres 21 de maio, o publico(nenos/as e maiores) que ateigaba o salón de actos da nosa escola puido asistir á estrea da obra de teatro Os ecos de Rosalía, representada polo alumnado do segundo ciclo e que culmina así o seu proxecto ao longo do último mes e medio.
Eloy, Alba, Iván, Paula, Nacho, Ángel e Sara, do 4º curso, e tamén Paula S., Manuela, Edu, David, Sebas, Paula e Sonia Grille, Alba e Vanessa Loureiro, Kevin e Nerea, de terceiro curso, foron os intérpretes desta obra. A obra saíu mellor que nos ensaios, se iso era posíbel, e houbo intres dabondo para as gargalladas, pero tamén para a emoción, a intriga e como non, o recordo e homenaxe a Rosalía de Castro, figura arredor da que se traballou nesta iniciativa.
Só nos resta felicitar de novo aos nenos e nenas, que co seu esforzo e coa súa ilusión achegáronlles aos seus compañeiros e compañeiras de escola a maxia da poetisa galega.

Grazas tamén aos asistentes, que co seu comportamento e actitude contribuíron a que a estrea fora un éxito.

Deixámosvos aquí un intre de "bambalinas", no que falamos con Cunqueiro momentos antes de saír a actuar:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

jueves, 20 de mayo de 2010

Viaxe a Santiago: camiñamos polas rúas de Rosalía!




Onte puidemos percorrer as rúas da zona vella de Santiago e pasar por diante da casa que Rosalía de Castro habitou durante a súa estadía en Santiago de Compostela. Actualmente, o edificio pertence á USC, e malia que non puidemos entrar, os nenos e nenas quixeron tirar unhas fotos diante do mesmo, para levar un recordo da poetisa. Pola mañá fumos tamén ao Museo do Pobo Galego, e os nenos e nenas axiña se achegaron aos elementos expostos referentes á Rosalía. Verdadeiramente, queren saber! Aquí vos deixamos unhas fotos do noso día. Ía moita calor, pero foi unha xornada moi bonita, aínda que quedamos algo cansos. Só queda un día para a estrea da nosa obra!

miércoles, 19 de mayo de 2010

Soño da escena segunda



Nenos e nenas: aquí vos deixamos a montaxe con algunhas das imaxes de Rosalía, Cunqueiro e Castelao que fúchedes recollendo da web. Como se trata dun soño, as outras imaxes foron un pequeno engadido que puxemos os mestres. Trátase dalgúns debuxos de Castelao, outro do mago Merlín e unhas cantas ilustracións de Escher, pois así se chama o artista que as fixo. Se vos fixades descubriredes que as cousas nos seus debuxos non son o que parecen, e puxémosvolas porque eu descubrín estas ilustracións na casa dun dos meus mellores amigos, cando tiña dez ou once anos, e dende entón quedei abraiado coa súa xenialidade. Non sei o motivo, pero penso moitas veces nos seus debuxos e quixen compartilos con vós. A música é dun pianista que se chama Erik Satie, que viviu no século dezanove. A historia deste home é moi curiosa: na casa onde vivía foron atopadas maletas e maletas con centos das súas composicións musicais, tamén centos de deseños de edificios metálicos, que por aquel entón non existían; e nese pequeno lugar onde vivía, unha habitación de dez metros cadrados atoparon tamén unha colección de traxes de terciopelo e unha morea de sombreiros de copa.

Só quedan dous días para estrear a nosa obra. Moito ánimo e lembrade que nunca nada se fixo(nada importante), sen ENTUSIASMO.




jueves, 13 de mayo de 2010

Puidemos saír a gravar!

O sol refulxía hoxe pola mañá cedo e puidemos saír a gravar. O traxecto ata o río estivo cheo de gargalladas, houbo unha conversa de escopetas de balíns que quedou gravada en vídeo polos propios autores(Eloy e Ángel, de 4º) e puidemos gravar a corrente á beira do río. Aproveitamos para recitar un pouquiño da Rosalía, andivemos polo medio do monte en silencio e recollemos tamén eses sons, e de paso atopamos a Andrés, ou José, non quedou moi claro, un veciño maior da zona que os nenos non dubidaron en entrevistar. Polo momento, aí deixamos unha pequena mostra, pero hai moito máis material. Pensamos que foi unha xornada especialmente bonita dentro do traballo da obra:


Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

miércoles, 12 de mayo de 2010

Incorporamos os sons e dámoslle os últimos retoques aos decorados






Hoxe empregamos os altofalantes para ambientar un pouquiño a dramatización. Se hai sorte, mañá iremos aos arredores da escola para gravar o son da auga no río e tamén aos paxaros e demais animais do monte. Nenos/as: seguide así. Como víchedes, cos sons parece que a historia tivera máis vida aínda. Non esquezades unha cousa: o público é o que ten que sentir e saber o que acontece nas táboas, non dubidedes en dirixirvos a el e sobre todo, disfrutade do voso papel. Os bardos debedes coidar especialmente a entoación. A partires dagora, centrarémonos na elaboración do "atrezzo", polo que ide traendo xa as cousas da casa que nos permitirán por en situación ao público.
Queda menos! Forza e talento!

martes, 11 de mayo de 2010

Sorpresas positivas! Seguimos no camiño!


Temos que felicitar a todos os nenos e nenas polo seu esforzo: felicidades, nen@s! Estades traballando moi ben. Por riba, estamos a descubrir o talento oculto de moitos de vós; como podedes ver, as cousas pódense conseguir se un se esforza. Esforzo, concentración, ganas, ganas, ganas...O tempo non nos está a permitir saír ao exterior a gravar os sons da natureza, pero agardamos que mellore e poder facelo en breve. Polo momento, seguimos ensaiando. Hoxe falamos da improvisación, verbo dalgúns erros que non estaban contemplados pero que espertaron as gargalladas espontáneas e que entón temos que incluír na nosa representación. Imos descubrindo cada día algo máis do teatro, e por suposto, afondando na figura de Rosalía. A ela gustaríalle.

lunes, 10 de mayo de 2010

Centrámonos xa no ensaio


O dominio do espazo escénico require que os nenos/as poidan desprazarse nel. Este ensaio de hoxe tivo lugar na aula de música, pero de calquera xeito hai progresos evidentes. Nenos e nenas: agora que xa dominades o papel, tedes que centrarvos en darlle forza ao que falades. Debedes empregar os acenos, a entoación, o movemento...Pero pouquiño a pouco. Todo está a saír ben, e seguimos así, de seguro que poderemos facer unha moi boa representación.

viernes, 7 de mayo de 2010

Hoxe colleu forma!


Noraboa, nenos/as! Hoxe podemos dicir que houbo un bo ensaio: houbo concentración, sabiades moi ben os papeis, traballástedes ben nas gravacións e deixástedes os comentarios da vida de Rosalía no blogue. Temos que seguir así! Este é o camiño!
A semana que ven comezaremos cos ensaios da canción "Negra sombra", como xa sabedes, un poema de Rosalía. Deixámosvos tamén un vídeo coa música e letra da canción por se queredes practicar:

jueves, 6 de mayo de 2010

Recitamos e seguimos avanzando


Hoxe recitamos algúns poemas da Rosalía e continuamos co ensaio das escenas da nosa obra. Vai collendo forma, aínda que agardamos poder instalar mañá o palco para poder facer os ensaios máis realistas. Falamos tamén da figura do apuntador e aquí vai unha mostra dos recitados e das gravacións realizadas nesta ocasión por Edu, de 3º:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.



Neste corte, Ángel recita uns versiños de Rosalía:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.



A semana que vén, traballaremos na recollida de sons para a ambientación sonora, unha vez que xa recolléstedes imaxes dabondo da Rosalía, do Cunqueiro, Novoneyra e Castelao para a ambientación do soño.

Por outra parte, botádelle unha ollada á presentación sobre a vida da Rosalía da entrada anterior e deixade o voso comentario no blogue, non esquezades poñer os vosos nomes ao final.

miércoles, 5 de mayo de 2010

Recollendo impresións e avanzando nos ensaios



Algúns de vós xa vos sabedes o voso papel, noraboa! Agora tedes que arrastrar aos que aínda non o saben para que o repasen na casa. Como xa sabedes, estivéstedes a gravar aos vosos compañeiros e hai un pouco de todo, incluso algún de vós que se queda en silencio. Deixámosvos outra pequena mostra das entrevistas gravadas e tamén vos deixamos unha pequena presentación sobre a Rosalía para que saibades algo máis dela:


martes, 4 de mayo de 2010

Construíndo o sono do neno na segunda escea: comezamos os ensaios movéndonos no espazo escénico


Hoxe comezamos os ensaios no espazo onde se desenvolverá a nosa obra o día do festival; aínda non renxe a madeira, aínda non sabemos ben o noso papel, pero estamos a mellorar. Doutra banda, tamén seguimos recollendo imaxes e rematando os murais para a ambientación. Deixámosvos un pequeno anaco do que andamos a facer:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

viernes, 30 de abril de 2010

Construímos o ambiente da escea segunda...




Nenas e nenos, como xa sabedes, a segunda escea da nosa obra sobre Rosalía comeza cun neno durmindo nunha cama, co espazo ás escuras. No fondo da escea irán sucedéndose imaxes de Álvaro Cunqueiro, Castelao e Rosalía de Castro. Pero seredes vós os que pescudaredes na rede para recollelas. Seguide estas instrucións:

1º Premede o botón dereito do rato sobre o escritorio e ide a "Novo" e logo picade en "Cartafol". Nese cartafol iredes metendo as imaxes que atopedes.

2º A continuación, colocade o punteiro sobre o cartafol, pulsade o botón dereito do rato e picade en "Renomear". Poñerédeslle nome ao cartafol, por exemplo "Imaxes da obra"

3º Entrade en Internet. Escribide na barra de tarefas www.google.com e logo ide a "Imaxes". Alí ide escribindo Cunqueiro, Castelao e Rosalía de Castro; pulsade sobre a imaxe que vos guste dándolle ao botón dereito e seleccionando "Copiar".

4º A continuación, ide ao cartafol de Imaxes da obra, entrade nel. Entón, premedes o botón dereito do rato e picades en "Pegar".

5º Repetide a operación para as imaxes que vos gusten até que teñamos un bo arquivo onde poder elixir.


Ánimo! O tempo pasa!

jueves, 29 de abril de 2010

A elaboración dos decorados e a dramatización lida: seguimos no camiño!


Hoxe estivemos traballando na elaboración dos decorados e dándolle forza dramática á lectura do texto. Os nenos/as seguen a mellorar no manexo da cámara de vídeo e na de fotos. Estivemos pensando que os sons de fondo para as esceas imos saír a gravalos co mp3 ao río e ao monte, témolos aquí moi preto de nós. Os bardos introducen a obra cuns versos da Rosalía, establécense pequenas complicidades entre eles/as, e sobre todo, estamos a aprender a través do teatro. Estamos mellorando moito. Pero...David! Non che pode entrar a risa ao ler, lembra que eres un actor! Ánimo!
Aquí un pequeno vídeo do traballo cos decorados e os cartaces da Rosalía:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

miércoles, 28 de abril de 2010

Comezamos coas lecturas colectivas: a obra bota a andar!



No día de hoxe deixamos case rematados os murais que quedarán pendurados do telón, e que doutra banda son o símbolo do proxecto que estamos a facer. Tamén comezamos a dramatizar un pouquiño o texto da obra e fixemos algunhas correcións. Tamén, algúns nenos e nenas seguiron a gravar en vídeo e a sacar fotos de todo o proceso. O máis curioso é ver como van collendo vida as personaxes da obra, aínda que hai algo de preocupación nos nenos/as: non saben se conseguirán memorizar os seus papeis. Non vos desanimedes! A nosa cabeza é máis potente do que pensamos!

lunes, 26 de abril de 2010

Hoxe pintamos e lemos á Rosalía!


Ben, nenas e nenos, hoxe pintaremos á Rosalía de Castro. O primeiro grupo comezará traballando nos ordenadores, para procurar información sobre a poetisa; o segundo grupo comezará a pintar os murais e lerá algúns poemas e o terceiro grupo adicarase a recoller varias esceas do traballo realizado.

Seguiremos unha quenda que nos permita facer as tres cousas ao longo da sesión. Así que ánimo, se nos dera tempo leremos algo da obra para comezar cos ensaios mañá mesmo. E non esquezades poñer as respostas sobre a webquest da Rosalía na entrada anterior!

Mañá comezamos os ensaios. Xa queda pouco para o máis divertido!

Aquí vai un pequeno vídeo do equipo de gravación, integrado nesta ocasión por Sara de 4º e Alba de 3º:

gravación feita polos nenos e nenas da actividade from Lois Diaz on Vimeo.



Mañá estarán dispoñibeis algúns vídeos das vosas lecturas. Un saúdo, nen@s!

Para abrir boca, deixámosvos algo máis:dunha banda, o texto da obra, e algunha cousiña máis por se queredes pescudar sobre o teatro:
Os es
View more documents from Loisperez.







viernes, 23 de abril de 2010

Rosalía en Sofán: Hoxe comeza a aventura, nen@s!


Nenas e nenos do segundo ciclo. Hoxe comeza a aventura. Ao longo do próximo mes, mergullarémonos na figura de Rosalía de Castro, pero non só iso; mergullarémonos tamén nos seus poemas, e no teatro, na música, e tamén na gravación e na fotografía. Será a palabra de Rosalía quen nos indique o camiño, e seredes vós, coa axuda de Charo e Lois, os protagonistas desta viaxe.

Os dezaoito nenos e nenas que formades o ciclo, formaredes tres grupos de traballo, que se irán mesturando en moitos momentos da actividade, segundo o que fagamos en cada intre. Pintaremos, ensaiaremos, gravaremos, leremos, entrevistaremos, e finalmente tentaremos estrear a nosa obra de teatro co gallo do Día das Letras Galegas.

Coas vosas gravacións e coas vosas fotografías, recolleremos todo o proceso de creación da obra: dende hoxe ata que chegue a data do estreo. Moita sorte!! Vós podedes!!

O primeiro que imos facer hoxe será expoñer o traballo, e logo comezaremos a investigar un pouquiño na vida e na obra de Rosalía de Castro, que é esta muller e poetisa que estades a ver no debuxo do blogue. Que sabemos dela? Imos aló!! Agardando poder publicar todas as vosas impresións, deixámosvos aquí as impresións moi atinadas e curiosas de catro dos protagonistas: Edu, Sonia, Paula S. e Ángel(nótese a pronunciación "categórica" de máis por parte do entrevistador na primeira parte do vídeo,desculpen):

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.



Paula e Eloy:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.



Nerea e Nacho:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.



Sara e David:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.



Cando rematedes de ler esta información, teredes que pulsar no seguinte enlace, para aprender un pouquiño máis sobre esta artista, unha das figuras máis importantes e representativas da literatura e cultura galega, e universal tamén. Veña! Non vos durmades, pinchade aquí:

http://www.as-pg.com/webquests/derosalia/index.html


Logo de ler e investigar no enlace, teredes que deixar en comentarios a seguinte información: que foi o que máis vos chamou a atención do que aprendéstedes? Cando e onde naceu Rosalía? Que pensades sobre o que imos facer: doado ou difícil? Como pensarades que resultará?

lunes, 12 de abril de 2010

Hoxe inauguramos o horto da escola!




Ditado de Lingua Galega

Hoxe foi un día especial, tamén. Dora e María, dúas das avoas do noso alumnado, aprendéronnos a facer un horto. Prantamos cebolas, patacas, cenorias, leitugas e flores.
Puidemos observar o xeito no que hai que traballar a terra e algúns nenos e nenas puideron axudarlles hoxe ás avoas no traballo que fixeron.
O máis importante vén agora, pois teremos que coidar día a día o noso horto, para poder recoller todo o que prantamos.
Se traballamos ben, cecais poidamos degustar unhas ensaladas e unhas tortillas de patacas antes de que remate o curso.

Atopamos algunha cousiña verbo da actividade de hoxe:


No mes de Santos, a máis tardar, ponte a sementar.
No mes de Santos sacha a horta e capa o rancho.

martes, 6 de abril de 2010

Volta das vacacións

Voltamos das vacacións preparados e preparadas para afrontar o último tramo do curso. E xa estamos a traballar no Día da Árbore, que finalmente celebraremos, se non hai novidade, o vindeiro venres. Para iso estamos dándolle os últimos retoques ao noso conto, que imos compartir co resto da escola, e no que as nenas e nenos de terceiro serán actores e actrices, e por suposto, contadores e contadoras. Arestora, andamos cos ensaios do conto, e aínda podemos mellorar, pero faltounos Paula onte e mandámoslle un vídeo para que se recuperara, que seica tivo efecto, pois hoxe xa estivo con nós:

http://vimeo.com/10720250

jueves, 25 de marzo de 2010

Borges e o libro dos seres imaxinarios: ler e pintar


Unha das cousas nas que estamos a traballar este curso en Lingua Galega, é o libro dos Seres Imaxinarios de Jorge Luis Borges. Logo de adaptalo á idade do noso alumnado, puxémonos a ler e a traballar sobre este material asolagado de fantasía e invención, fragmentos recollidos polo propio escritor arxentino de diversas mitoloxías(das que era un erudito e estudoso) e tamén da obra de grandes escritores de todos os tempos: hai un animal soñado por Kafka, fantasías de Edgar Allan Poe, Lewis Carroll...En resumo, o curioso desta actividade, fundamentalmente é que nenas e nenos de oito anos(ou doutra idade) poidan ler textos mitolóxicos e pasaxes de escritores deste nivel, e por suposto fantasear con seres que ao non existir(só existen na súa cabeza, para Borges xa existirían así) non teñen unha forma determinada. É interesante ver como os imaxinaron elas e eles. Para ver a presentación podedes pulsar así:

lunes, 22 de marzo de 2010

Ditado de L. Castelá: El cruce de caminos de Robert


Para escoitar ao Robert Johnson: http://www.youtube.com/watch?v=3MCHI23FTP8


Robert caminaba solo en mitad de la noche, con la única compañia de su guitarra. De repente, del fondo de la oscuridad, surgió una figura espantosa: era el diablo. Robert preguntó:
- Y tú quién eres?
-Soy el diablo. Si me vendes tu alma, te concederé lo que quieras.
-Está bien. Quiero tocar la guitarra como nadie la haya tocado nunca.

El diablo le concedió a Robert su deseo y Robert se convirtió en el mejor guitarrista de blues de la historia.


Así que agora, nenas e nenos, gustaríame ver se sodes quen de descubrir quen foi Robert Jonhson. Para iso, podedes usar o ordenador na aula, ou ben nas vosas casas. Cando o teñades podedes deixar un comentario no blogue. Moita sorte na vosa investigación...

martes, 16 de marzo de 2010

Aí ven o Día da Árbore: Paulo e o carballo



Estes días andivemos a voltas na aula de terceiro para facer un contiño co gallo do Día da Árbore, que celebraremos a vindeira semana. A verdade é que comezamos cun toque de humor e soños e rematamos algo máis serios, pero a guinda foi unha frase en inglés, dunha canción que lle vimos cantar ao Bob Dylan no ordenador: A resposta, meu amigo, está flotando no aire. Inclusive ensaiamos a frase cantándoa en inglés para pechar o conto, pero que ao final nos saia, é outro conto.






Paulo e o carballo



Paulo tiña oito anos e vivía na Piña. A Paulo gustáballe moito pasear polo monte viu unha arbore e como comera moito e decidiu botar unha sestiña.Era outono e o vento abaneaba as polas das árbores daquel carballo. O Paulo soñara coa súa nai perseguindo estrelas cun sacho voador e vía ao seu pai dacabalo dunha lavadora. De súpeto, unha voz díxolle:
- Oes, ti, Pauliño! Esperta!
Paulo abriu os ollos e reparou aqueloutrado no carballo:
- Onde estás?
- Estou aquí enriba túa!
Paulo ollouno e preguntou:
-E logo as árbores falan?
-E que pensabas?
-Pois pensaba que so falaban as persoas.
-Paulo, neste mundo falantodas as cousas.Para escoitalas non abonda coas orellas.
-E logo non? Preguntaba Paulo rascando na cachola .
-Hai que abrir ben os ollos Paulo , e a cabeza.
-Ai! A miña veciña non ma toques!
-Non é iso Paulo.
-E logo quen fala?
-Falan as bocas,pero tamen falan os ollos, e tes que miralos.E tamen fala o silencio, pero ninguén o escoita. E tamén fala o silencio, pero ninguén o escoita. E fala o vento, pero tes que seguilo. E os ríos que rematan no mar.
- E a ti quen che contou todo iso?
-A min faláronmo os paxaros.
-Ai si?
-Si, Paulo. Eles ven por min: viaxaron por selvas infinitas, bañáronse en mares descoñecidos, viron aos homes matarse entre eles, viron os estragos da fame, e máquinas e fume e a cobiza nos ollos da xente.
-Pero iso é terrible!
- Non todo é terrible, Paulo: os paxaros contáronme que aínda hai menceres que as persoas non viron, e augas azuis, máis fortes e bonitas do que ningunha máquina, que hai nenas e nenos con corazóns de tigres, e con ollos puros e salvaxes, e que un novo mundo limpo e xusto virá.
-E eu teño corazón dun tigre?
- A resposta, Pauliño, está flotando no vento.


The answer, my friend, is blowing in the wind.