viernes, 21 de mayo de 2010

Hoxe foi a estrea da nosa obra: Felicidades, nenas e nenos!


Foi un éxito. Hoxe, venres 21 de maio, o publico(nenos/as e maiores) que ateigaba o salón de actos da nosa escola puido asistir á estrea da obra de teatro Os ecos de Rosalía, representada polo alumnado do segundo ciclo e que culmina así o seu proxecto ao longo do último mes e medio.
Eloy, Alba, Iván, Paula, Nacho, Ángel e Sara, do 4º curso, e tamén Paula S., Manuela, Edu, David, Sebas, Paula e Sonia Grille, Alba e Vanessa Loureiro, Kevin e Nerea, de terceiro curso, foron os intérpretes desta obra. A obra saíu mellor que nos ensaios, se iso era posíbel, e houbo intres dabondo para as gargalladas, pero tamén para a emoción, a intriga e como non, o recordo e homenaxe a Rosalía de Castro, figura arredor da que se traballou nesta iniciativa.
Só nos resta felicitar de novo aos nenos e nenas, que co seu esforzo e coa súa ilusión achegáronlles aos seus compañeiros e compañeiras de escola a maxia da poetisa galega.

Grazas tamén aos asistentes, que co seu comportamento e actitude contribuíron a que a estrea fora un éxito.

Deixámosvos aquí un intre de "bambalinas", no que falamos con Cunqueiro momentos antes de saír a actuar:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

jueves, 20 de mayo de 2010

Viaxe a Santiago: camiñamos polas rúas de Rosalía!




Onte puidemos percorrer as rúas da zona vella de Santiago e pasar por diante da casa que Rosalía de Castro habitou durante a súa estadía en Santiago de Compostela. Actualmente, o edificio pertence á USC, e malia que non puidemos entrar, os nenos e nenas quixeron tirar unhas fotos diante do mesmo, para levar un recordo da poetisa. Pola mañá fumos tamén ao Museo do Pobo Galego, e os nenos e nenas axiña se achegaron aos elementos expostos referentes á Rosalía. Verdadeiramente, queren saber! Aquí vos deixamos unhas fotos do noso día. Ía moita calor, pero foi unha xornada moi bonita, aínda que quedamos algo cansos. Só queda un día para a estrea da nosa obra!

miércoles, 19 de mayo de 2010

Soño da escena segunda



Nenos e nenas: aquí vos deixamos a montaxe con algunhas das imaxes de Rosalía, Cunqueiro e Castelao que fúchedes recollendo da web. Como se trata dun soño, as outras imaxes foron un pequeno engadido que puxemos os mestres. Trátase dalgúns debuxos de Castelao, outro do mago Merlín e unhas cantas ilustracións de Escher, pois así se chama o artista que as fixo. Se vos fixades descubriredes que as cousas nos seus debuxos non son o que parecen, e puxémosvolas porque eu descubrín estas ilustracións na casa dun dos meus mellores amigos, cando tiña dez ou once anos, e dende entón quedei abraiado coa súa xenialidade. Non sei o motivo, pero penso moitas veces nos seus debuxos e quixen compartilos con vós. A música é dun pianista que se chama Erik Satie, que viviu no século dezanove. A historia deste home é moi curiosa: na casa onde vivía foron atopadas maletas e maletas con centos das súas composicións musicais, tamén centos de deseños de edificios metálicos, que por aquel entón non existían; e nese pequeno lugar onde vivía, unha habitación de dez metros cadrados atoparon tamén unha colección de traxes de terciopelo e unha morea de sombreiros de copa.

Só quedan dous días para estrear a nosa obra. Moito ánimo e lembrade que nunca nada se fixo(nada importante), sen ENTUSIASMO.




jueves, 13 de mayo de 2010

Puidemos saír a gravar!

O sol refulxía hoxe pola mañá cedo e puidemos saír a gravar. O traxecto ata o río estivo cheo de gargalladas, houbo unha conversa de escopetas de balíns que quedou gravada en vídeo polos propios autores(Eloy e Ángel, de 4º) e puidemos gravar a corrente á beira do río. Aproveitamos para recitar un pouquiño da Rosalía, andivemos polo medio do monte en silencio e recollemos tamén eses sons, e de paso atopamos a Andrés, ou José, non quedou moi claro, un veciño maior da zona que os nenos non dubidaron en entrevistar. Polo momento, aí deixamos unha pequena mostra, pero hai moito máis material. Pensamos que foi unha xornada especialmente bonita dentro do traballo da obra:


Untitled from Lois Diaz on Vimeo.

miércoles, 12 de mayo de 2010

Incorporamos os sons e dámoslle os últimos retoques aos decorados






Hoxe empregamos os altofalantes para ambientar un pouquiño a dramatización. Se hai sorte, mañá iremos aos arredores da escola para gravar o son da auga no río e tamén aos paxaros e demais animais do monte. Nenos/as: seguide así. Como víchedes, cos sons parece que a historia tivera máis vida aínda. Non esquezades unha cousa: o público é o que ten que sentir e saber o que acontece nas táboas, non dubidedes en dirixirvos a el e sobre todo, disfrutade do voso papel. Os bardos debedes coidar especialmente a entoación. A partires dagora, centrarémonos na elaboración do "atrezzo", polo que ide traendo xa as cousas da casa que nos permitirán por en situación ao público.
Queda menos! Forza e talento!

martes, 11 de mayo de 2010

Sorpresas positivas! Seguimos no camiño!


Temos que felicitar a todos os nenos e nenas polo seu esforzo: felicidades, nen@s! Estades traballando moi ben. Por riba, estamos a descubrir o talento oculto de moitos de vós; como podedes ver, as cousas pódense conseguir se un se esforza. Esforzo, concentración, ganas, ganas, ganas...O tempo non nos está a permitir saír ao exterior a gravar os sons da natureza, pero agardamos que mellore e poder facelo en breve. Polo momento, seguimos ensaiando. Hoxe falamos da improvisación, verbo dalgúns erros que non estaban contemplados pero que espertaron as gargalladas espontáneas e que entón temos que incluír na nosa representación. Imos descubrindo cada día algo máis do teatro, e por suposto, afondando na figura de Rosalía. A ela gustaríalle.

lunes, 10 de mayo de 2010

Centrámonos xa no ensaio


O dominio do espazo escénico require que os nenos/as poidan desprazarse nel. Este ensaio de hoxe tivo lugar na aula de música, pero de calquera xeito hai progresos evidentes. Nenos e nenas: agora que xa dominades o papel, tedes que centrarvos en darlle forza ao que falades. Debedes empregar os acenos, a entoación, o movemento...Pero pouquiño a pouco. Todo está a saír ben, e seguimos así, de seguro que poderemos facer unha moi boa representación.

viernes, 7 de mayo de 2010

Hoxe colleu forma!


Noraboa, nenos/as! Hoxe podemos dicir que houbo un bo ensaio: houbo concentración, sabiades moi ben os papeis, traballástedes ben nas gravacións e deixástedes os comentarios da vida de Rosalía no blogue. Temos que seguir así! Este é o camiño!
A semana que ven comezaremos cos ensaios da canción "Negra sombra", como xa sabedes, un poema de Rosalía. Deixámosvos tamén un vídeo coa música e letra da canción por se queredes practicar:

jueves, 6 de mayo de 2010

Recitamos e seguimos avanzando


Hoxe recitamos algúns poemas da Rosalía e continuamos co ensaio das escenas da nosa obra. Vai collendo forma, aínda que agardamos poder instalar mañá o palco para poder facer os ensaios máis realistas. Falamos tamén da figura do apuntador e aquí vai unha mostra dos recitados e das gravacións realizadas nesta ocasión por Edu, de 3º:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.



Neste corte, Ángel recita uns versiños de Rosalía:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.



A semana que vén, traballaremos na recollida de sons para a ambientación sonora, unha vez que xa recolléstedes imaxes dabondo da Rosalía, do Cunqueiro, Novoneyra e Castelao para a ambientación do soño.

Por outra parte, botádelle unha ollada á presentación sobre a vida da Rosalía da entrada anterior e deixade o voso comentario no blogue, non esquezades poñer os vosos nomes ao final.

miércoles, 5 de mayo de 2010

Recollendo impresións e avanzando nos ensaios



Algúns de vós xa vos sabedes o voso papel, noraboa! Agora tedes que arrastrar aos que aínda non o saben para que o repasen na casa. Como xa sabedes, estivéstedes a gravar aos vosos compañeiros e hai un pouco de todo, incluso algún de vós que se queda en silencio. Deixámosvos outra pequena mostra das entrevistas gravadas e tamén vos deixamos unha pequena presentación sobre a Rosalía para que saibades algo máis dela:


martes, 4 de mayo de 2010

Construíndo o sono do neno na segunda escea: comezamos os ensaios movéndonos no espazo escénico


Hoxe comezamos os ensaios no espazo onde se desenvolverá a nosa obra o día do festival; aínda non renxe a madeira, aínda non sabemos ben o noso papel, pero estamos a mellorar. Doutra banda, tamén seguimos recollendo imaxes e rematando os murais para a ambientación. Deixámosvos un pequeno anaco do que andamos a facer:

Untitled from Lois Diaz on Vimeo.